Cervantes destino Starlight

Cervantes, destino Starlight. Un ceo cheo de posibilidades

O Concello de Cervantes forma parte dun dos lugares especialmente recomendados pola Fundación Starlight para a observación das estrelas. Desde finais de 2023, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá conta coa prestixiosa certificación como Destino Turístico Starlight.

Este recoñecemento, distingue aqueles espazos que contan con condicións excepcionais para a contemplación dos ceos nocturnos e das estrelas. Ademais de ter un ceo limpo e protexido da contaminación lumínica, estes lugares están preparados para desenvolver actividades de astroturismo ou turismo de estrelas, ofrecendo unha experiencia única para veciños e visitantes.

Esta distinción abre tamén novas oportunidades de emprendemento aquí, aproveitando o prestixio desta certificación. Desde a creación de aloxamentos temáticos orientados ao astroturismo, como casas rurais con telescopios ou espazos de observación, ata a organización de roteiros nocturnos, talleres de astronomía ou experiencias de fotografía astronómica, Cervantes ofrece agora un escenario perfecto para quen queira innovar e apostar polo turismo sostible e de calidade.

A nosa reserva únese así á exclusiva lista de 60 destinos Starlight que existen en España, dos cales só sete están en Galicia. No caso da provincia de Lugo, o noso foi o segundo destino en conseguir esta acreditación, reforzando a importancia dos Ancares como referente de turismo sostible e de calidade.

As condicións naturais privilexiadas dos Ancares permiten a realización de actividades astronómicas de maneira óptima.

En definitiva, ser Destino Starlight é un recoñecemento que nos invita a seguir coidando o noso medio natural e a compartir con todo o mundo a gran beleza das noites ancaresas.

Más artículos sobre

Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM)

Aberto o prazo para a liquidación do IVTM

Residencia de Cervantes

Avanza o proxecto da residencia de maiores de Cervantes: licitada a redacción do proxecto e a dirección de obra

Obras en Cervantes

Aviso de corte de estrada entre Quindous e Sevane