O Concello de Cervantes

O Concello
Palloza en San Román - Fotografía Óscar Doral

O Concello de Cervantes forma parte da comarca dos Ancares, na provincia de Lugo. Nos máis de 276 km2 de territorio repártense 133 núcleos poboacionais, non todos habitados, que se agrupan en 21 parroquias.

A Casa do Concello de Cervantes está situada en San Román de Cervantes, a cabeceira do municipio.

Somos un territorio rural e de montaña. As familias que aquí vivimos, herdamos dos nosos antepasados un modo de vida en relación coa natureza e coa terra do que nos sentimos orgullosas e que ten hoxe máis sentido que nunca. Pero habitar esta zona, non sempre foi fácil.

Nos anos cincuenta do século XX vivían en Cervantes máis de oito mil persoas, hoxe somos algo máis de mil duascentas (1.209 habitantes segundo o INE 2023). As nosas aldeas levan décadas vendo como marchan veciños e veciñas, e como pechan as casas. Hoxe, este é un dos principais retos deste equipo de goberno: loitar para que a xente se quede e para atraer novas persoas poboadoras.

Os cervantegos e cervantegas habitamos un entorno natural que ten un altísimo valor ecolóxico, en canto á conservación da biodiversidade, pero tamén paisaxístico.

Todo o noso territorio forma parte da Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Tamén temos amplas zonas clasificadas como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e Zonas de Especial Conservación pola Rede Natura 2000, a rede ecolóxica europea para a conservación da biodiversidade.   

Así mesmo, contamos cunha Reserva Nacional de Caza e cunha Zona de Protección do Oso Pardo.

No 2024 o Concello de Cervantes obtivo tamén a certificación como Destino Turístico Starlight, que recoñece a excepcional calidade do noso territorio para a contemplación dos ceos estrelados e para desenvolver actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Castelo de Doiras - Fotografía Óscar Doral

O Concello de Cervantes ten unha orografía complicada, marcada pola Serra dos Ancares, na que podemos atopar varios cumios que superan os 1.700 m., acadando o seu punto máis alto nos 1.975 m. do pico Mustallar.

O relevo montañoso, aínda que de menor altitude, é unha constante neste territorio marcado tamén polos cursos de diferentes ríos e regatos.

Por algo os gandeiros e gandeiras que traballan nestas ladeiras, describen a súa actividade como “gandería heroica”

Ademais da natureza, tamén herdamos das xeracións anteriores un rico patrimonio etnográfico, unha cultura, unha lingua e unha tradición propia.

Esta riqueza, en moitos casos inmaterial, forma parte da nosa historia e sentímonos na obriga de recollela, conservala e transmitila ás xeracións futuras.

Podes navegar por aquí