O próximo 1 de marzo Cervantes acollerá unha das etapas da proba ciclista O Gran Camiño Cycling, unha proba internacional onde compiten varios dos mellores equipos do mundo.
O Gran Camiño é unha proba de cinco xornadas que arranca a súa edición 2025 o 26 de febreiro en Portugal, na cidade do Porto, para facer despois unha segunda etapa pola provincia de Pontevedra, continuar na terceira xornada por Ourense e chegar o cuarto día á provincia de Lugo. Precisamente a etapa cuarta é a que leva por nome “El camino de alta montaña”, xa que arrancando na Pobra do Brollón adentrarase en Cervantes para rematar no Cebreiro. Xa na última etapa, esta proba ciclista percorrerá A Coruña, concluíndo en Santiago de Compostela.
A cuarta etapa do Gran Camiño
A de Cervantes será a etapa raíña da proba, pola súa dureza e tamén porque contará cun sprint especial ao seu paso por San Román de Cervantes. Desde a súa saída (na Pobra do Brollón) ata a súa meta (no Cebreiro), os participantes percorrerán 142 kilómetros con 3.121 metros de desnivel. Aquí podes ver máis información e o rutómetro.
Os ciclistas entrarán pola carretera de Navia, para subir a San Román, baixando a Vilanova desde o cruce do Pandelo. De Vilanova irán dirección Doiras pero collerán o desvío a Vilapún, Viladeite, Vilaspasantes e Bazal. Subindo a Pintinidoira para saír á carretera que vai do Portelo a Pedrafita, dirección o Cebreiro.
Esta cuarta etapa desenvolverase o sábado 1 de marzo e contará cun sprint especial que se fará sobre as 16 horas en San Román, ao que animamos a toda a veciñanza a asistir.
No seguinte vídeo pódese ver os últimos kilómetros da etapa.
En directo para 170 países
O paso desta dura proba polo noso concello será retransmitido en directo para 170 países pola canle Eurosport e tamén pola Televisión de Galicia. Sen dúbida, serán unhas imaxes onde se poderá ver todo o potencial dos Ancares para realizar probas deste tipo.
Animámosvos a estar pendentes desta proba e desfrutala, xa sexa pola televisión ou mellor aínda, en directo ao seu paso polo noso municipio.